Os populares da Coruña denuncian os recortes nos programas sociais municipais e as longas listas de agarda

O Grupo Popular de A Coruña denuncia a situación de colapso nos programas sociais municipais debido aos recortes nas partidas orzamentarias. Segundo o voceiro popular, Miguel Lorenzo, "o goberno de Inés Rey presume de progresista, pero deixa sen atender as necesidades dos coruñeses máis vulnerables".
Lorenzo destacou que máis de 600 menores quedaron sen acceso ás Becas Comedor este ano, a pesar de cumprir os requisitos. "Levamos meses advertindo desta situación e presentando alegacións aos modificativos orzamentarios para incrementar esta partida, pero o PSOE e o BNG denegáronas reiteradamente", sinalou.
O problema non se limita ás Becas Comedor. En respostas escritas recibidas no último Pleno, o goberno municipal recoñece as seguintes listas de espera:
- Teleasistencia: 192 persoas en lista.
- Talón Restaurante: 54 solicitantes quedaron fóra este ano.
- Servizo de Axuda no Fogar (SAD) Dependencia: 1.105 persoas agardando.
- SAD Básico: en 2023, 1 de cada 4 solicitantes quedaron sen prestación.
- Comida a Domicilio: 1 de cada 3 solicitantes quedou fóra en 2023.
Os populares tamén sinalan que, a pesar destas carencias, o goberno local deixou sen executar 1,6 millóns de euros destinados a programas sociais, emerxencia social, renda social e bonotaxi en 2023. Ademais, acusan ao executivo municipal de reducir as partidas destinadas a programas sociais (-7%), emerxencia social (-9%), renda social (-20%) e bonotaxi (-20%) no orzamento de 2024, a pesar de ser "o máis alto da historia da cidade e de subir impostos a todos os coruñeses".
"O goberno municipal anunciou plans como os de Saúde Mental, Inclusión Social ou Accesibilidade, pero estes carecen de obxectivos, accións concretas, recursos e cronogramas. A realidade é que son só promesas baleiras", subliña Lorenzo.
Desde o PP insisten na necesidade de priorizar as políticas sociais para garantir o benestar das persoas máis necesitadas.