Os populares advirten dun posible risco financeiro no Concello da Coruña

ACoruñaXa
Os populares denuncian un déficit de ata 12 millóns en 2025 e cuestionan as previsións económicas do Executivo municipal e do BNG
A CORUÑA miguel lorenzo 09.06.2026
16 Jun 2026

O Grupo Municipal Popular advertiu da “preocupante situación económica” que atravesa o Concello, pese a que o Goberno local insiste en trasladar unha mensaxe de normalidade. Segundo os populares, o exercicio de 2025 pechouse incumprindo todos os parámetros financeiros e situaría á administración municipal “ao bordo da quebra técnica”, cun déficit que cifran nuns 12 millóns de euros.

Desde o PP critican que o Executivo municipal basee as súas previsións nun informe elaborado por un cargo político e non por persoal técnico, no que se sostén que non serían necesarios axustes económicos ao considerar que os ingresos previstos son elevados e que o déficit rexistrado tería carácter puntual.

Os populares lembran, con todo, que o mesmo responsable político xa elaborara o Plan Económico-Financeiro do ano pasado, no que se aseguraba que a situación financeira remataría o exercicio sen problemas e sen necesidade de recortes. Porén, segundo sinalan, aquela previsión non se cumpriu e o plan foi incumprido, tal e como recolle o informe da intervención municipal.

Neste sentido, o grupo da oposición cuestiona tamén a fiabilidade das previsións de ingresos. Segundo indican, o interventor municipal advertiu en distintos informes de que as previsións estaban “infladas”, sinalando desviacións de ata 26 millóns de euros en 2025 e 23 millóns no exercicio de 2026.

En relación coa idea de que o déficit sería un feito conxuntural, o PP lembra que o orzamento aprobado para este ano xa contempla unha previsión negativa de arredor de 21 millóns de euros, incluso superior á do exercicio anterior, polo que consideran que non se trata dun episodio illado senón dunha tendencia preocupante.

“Non hai por onde soster os argumentos do Goberno municipal sobre a situación económica”, sinalan desde o Grupo Popular, que se pregunta que outros datos serían necesarios para que o Executivo recoñeza a gravidade da situación.

Os populares tamén critican a postura do BNG, ao que acusan de contradición. Segundo lembran, a formación nacionalista denunciou agora o déficit de 12 millóns de 2025, pero ao mesmo tempo votou a favor dos orzamentos de 2026, que contemplan un déficit previsto de 21 millóns de euros, superior ao do exercicio anterior.

0.12090802192688