Os novos carrís bici de Novo Mesoiro e Pescaría amplían a rede ciclable da Coruña a máis de 53 quilómetros

ACoruñaXa
Estas actuacións, cun investimento de 230.000 euros, impulsan a mobilidade sostible e contribúen a evitar a emisión de máis de 600 toneladas de CO2 en 2024
BiciCoruña
29 Dec 2024

O Concello da Coruña vén de poñer en funcionamento os novos tramos de carril bici en Novo Mesoiro e o istmo da Pescaría, avanzando así no obxectivo de crear unha rede ciclable interconectada en toda a cidade. Estas intervencións elevan a máis de 53 quilómetros as vías adaptadas para o uso de bicicletas na urbe.

O novo carril bici de Novo Mesoiro, o primeiro no barrio, conecta a rúa Illas Sisargas coa rotonda da DP-0512 mediante un percorrido bidireccional. Este proxecto vén complementar a estación de BiciCoruña instalada na zona a mediados de 2023.

Por outra banda, na Pescaría, habilitouse un tramo que une os Cantóns co paseo marítimo á altura do Orzán. Este percorrido atravesa a rúa Nova, continúa pola rúa Alta e conecta coa avenida Pedro Barrié de la Maza, configurando o primeiro carril bici que cruza este histórico barrio da cidade.

Con un investimento de máis de 230.000 euros, ambas iniciativas reforzan a aposta do Goberno de Inés Rey pola mobilidade sostible. Segundo destacou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, o servizo BiciCoruña evitou a emisión de máis de 600 toneladas de CO2 á atmosfera durante o último ano, consolidando o compromiso municipal coa loita contra o cambio climático.

0.1396119594574