Os mellores chefs da provincia defenden a nosa gastronomía no Madrid Fusion
A área de turismo da Deputación da Coruña despunta no Madrid Fusión coa participación dalgúns dos mellores chefs da provincia, que imparten showcookings protagonizados por produtos de quilómetro cero. Durante a xornada deste luns, pasaron polo stand da entidade provincial os cociñeiros dos restaurantes As Garzas, de Malpica; A Maceta e Xearte Brigitte, de Santiago e Sinxelo de Ferrol.
Produtos de proximidade
Todos eles ofreceron receitas protagonizadas por produtos moi vinculados aos territorios aos que pertencen, dos diferentes xeodestinos da provincia. Áspic de fiuncho, mazá verde e albahaca; usuzuruki de vieira de Ferrol; xeado de mel das Fragas do Eume con filloa de Lestedo ou fabas con codium foron algúns dos pratos que se puideron degustar hoxe.
Restaurantes de primeiro nivel
A Deputación trata, deste xeito, de poñer en valor a gastronomía da provincia, a través dos profesionais da cociña e da produción agroalimentaria e, ao mesmo tempo, aumentar a súa visibilidade. “Para nós é un orgullo representar a Costa da Morte nun espazo como este”, sinalaron desde As Garzas. Do mesmo xeito, desde A Maceta apuntaron que “esta oportunidade que nos ofrece a Deputación é un excelente escaparate para o noso restaurante e para a gastronomía da Coruña”. Pola súa parte, Xearte Brigitte afirmou que “a participación neste tipo de feiras é unha motivación, xa que nos permite innovar e continuar mellorando e crecendo”. No caso de Sinxelo, destacan a “promoción que supón para un local pequeno como o noso poder asistir a unha feira desta índole da man da Deputación”.
Durante as xornadas deste martes e de mañá, o stand da Deputación acollerá tamén showcookings do recente gañador da Estrella Michelín Terra, de Fisterra; de A Artesa da Moza Crecha, de Betanzos; do Restaurante Balarés (Ponteceso) e de Pementa Rosa, de Carballo.
Outras actividades
Ademáis dos showcookings, a programación da Deputación compleméntase con degustacións de produtos locais como os snacks de A Castrexa e Os Biosbardos, o café de Cafés Aruba ou o panettone de San Isidro Bakery; charlas sobre os viños da provincia coa Adega Entre os Ríos e Choiva Viños e unha masterclass sobre as algas da provincia con Algas Mar de Ardora. Tódolos días rematan, ademais, coa elaboración do ritual tradicional da queimada.