Os graos de Informática e de Fisioterapia da UDC distinguidos polo selo de excelencia académica

ACoruñaXa
A mención, que xa rexía para os estudos de máster, súmase a outras accións impulsadas desde a Xunta para fomentar un sistema universitario galego innovador e adaptando ás demandas do conxunto da sociedade
Facultade de Fisioterapia da UDC
8 Abr 2024

Os graos en Enxeñaría Informática e en Fisioterapia (da Universidade da Coruña) e en Veterinaria (da Universidade de Santiago de Compostela) son os primeiros en obter o selo de excelencia que outorga a Xunta de Galicia para estes estudos no Sistema Universitario Galego (SUG), unha distinción de calidade que ata o momento operaba unicamente para os estudos máster.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de facer pública a resolución deste distintivo, que se publicará mañá no Diario Oficial de Galicia, e que ten como obxectivo recoñecer e acreditar a calidade académica destes estudos universitarios.

Enmarcada nas diferentes medidas impulsadas desde o Goberno galego para fomentar a excelencia e a adaptación da oferta formativa ás demandas do conxunto da sociedade, esta nova distinción contribúe a sensibilizar á comunidade universitaria sobre a relevancia da innovación para adaptarse as transformacións de procesos, métodos, ferramentas, materiais e contidos que esixe a sociedade do coñecemento. Ao mesmo tempo, procúrase aliñar o deseño das titulacións de grao coas novas tendencias internacionais, contribuíndo a elevar os seus estándares de calidade e darlles visibilidade.

Vixencia de seis anos

O selo de grao de excelencia ten unha vixencia de seis cursos académicos, con seguimentos anuais e posibilidade de renovación, e continuará con financiamento específico no marco do Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-26.

Entre os requisitos para optar a el, as titulacións deben levar impartíndose de xeito ininterrompido, como mínimo, desde o curso 2018/19 e continuar na actualidade, e cada universidade podía presentar tres solicitudes como máximo.

No que atinxe aos criterios de avaliación, fixáronse un total de oito: estratexia e resultados, currículo, deseño do proceso de ensino–aprendizaxe, profesorado, avaliación, inserción laboral, internacionalización e exposición da proposta. Cada un deles será valorado cun máximo de 10 puntos, agás no caso da estratexia e resultados (máximo de 25 puntos) e da exposición da proposta (ata 15 puntos).

Nestes bloques valóranse cuestións como as taxas de ocupación, gradación, cambio e abandono; a contribución do plan de estudos ao desenvolvemento rexional e a súa relación co entorno e tecido empresarial; a metodoloxía docente e acompañamento personalizado ao alumnado, ou a excelencia do profesorado e a súa participación en formación e iniciativas innovadoras.

Así mesmo, tamén se teñen en conta as estratexias para avaliar a calidade da titulación (avaliación continua, diarios de aprendizaxe), a inserción laboral do grao e, no eido da internacionalización, ítems como a colaboración con universidades estranxeiras, os créditos ofertados en linguas estranxeiras, a mobilidade do estudantado ou a acreditación do nivel de idiomas do persoal docente investigador.

O novo recoñecemento súmase ao de máster de excelencia, un selo implantado hai catro anos. En total, son doce as titulacións que contan xa con esta mención que reflicte a súa calidade e nivel de solvencia científica, técnica e formativa.

0.18923115730286