Os escaparates de Ordes buscan novos artistas para celebrar o Samaín no comercio local

O Samaín chegará este outono aos escaparates do comercio de proximidade de Ordes coa creatividade dos máis pequenos. A Asociación de Empresarios e Comerciantes de Ordes (AECOR) puxo en marcha o concurso infantil 'O Samaín vive no comercio local', unha proposta coa que pretende involucrar á rapazada na decoración dos establecementos asociados e, ao mesmo tempo, fomentar o consumo no comercio da vila.
A convocatoria está dirixida a nenos e nenas empadroados en Ordes, que poderán participar presentando un único adorno relacionado co Samaín. Establécense dúas categorías de idade: unha para participantes de entre 5 e 10 anos e outra para aqueles que teñan entre 11 e 16 anos. Para determinar a categoría terase en conta a idade que teñan no momento no que remate o prazo de entrega.
Haberá un premio para cada categoría. Os gañadores recibirán unha cesta de xogos de mesa para gozar en familia, nunha iniciativa que busca premiar a creatividade e dar tamén un carácter participativo á celebración do Samaín.
Os traballos poderán entregarse ata o 10 de outubro na oficina de AECOR, situada na rúa Xoxardo, nos baixos da Alameda de Ordes. O horario de recepción será de 8.00 a 15.00 horas, de luns a venres.
Unha vez rematada a fase de presentación, as creacións serán trasladadas aos escaparates dos establecementos asociados para formar parte da ambientación do comercio local durante estas datas. A elección dos traballos gañadores estará nas mans do público, que poderá votar a través da App AECOR Club.
A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Ordes, a Xunta de Galicia e Comercio Galego e pretende converter os escaparates dos negocios participantes nun dos puntos de encontro da celebración do Samaín na localidade.