Os empregados da banca sairán á rúa este venres para pedir melloras laborais
Este venres terá lugar unha nova xornada de folga do sector bancario galego, que terá concentracións nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Na cidade da Coruña o punto de encontro será oficina do BBVA na rúa Cantón Pequeno, 18, no centro da cidade, ás 11.00 horas da mañá.
Deste xeito, tras a histórica xornada de folga conxunta do pasado 26 de febreiro en todo o ámbito financeiro, logrouse un acordo no sector do aforro, pero a patronal da banca mantense na mesma postura inmobilista, denuncia Comisións Obreiras (CCOO).
Dende o sindicato instan as cúpulas directivas do sector, que bateu todas as súas marcas de beneficios, a reverteren os seus aumentos de soldos e reparticións de dividendos para, con iso, incrementaren de maneira xusta os salarios do persoal.
Neste sentido, o sindicato lembra que o beneficio xerado por cada persoa traballadora no sector financeiro en España pasou de 86 045 a 155 172 euros en só dous anos. Ademais, Comisións Obreiras reclama reducir a carga laboral e a presión comercial, así como dotar os centros de traballo do persoal axeitado para dar un servizo de calidade.
Horarios e ubicacións das movilizacións ao longo de Galicia (de 11 a 12 horas):
- A Coruña: oficina do BBVA (Cantón Pequeno, 18)
- Lugo: oficina do Banco Santander (rúa de San Marcos, 3)
- Ourense: oficina do BBVA (rúa do Paseo, 18)
- Vigo: oficina do Banco Santander (rúa de Policarpo Sanz, 44)