Os concellos da provincia da Coruña estudan as implicacións da nova Lei de Residuos

ACoruñaXa
Unha xornada que reúne a responsables municipais para analizar os retos e oportunidades da nova Lei de Residuos, centrada na economía circular e na mellora da xestión de residuos en Galicia
Imaxe de Valentín González Formoso
30 sep 2024

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, deu comezo esta mañá na Casa de Mariñán á xornada 'O modelo de xestión de residuos da Lei 7/2022. Implicacións técnicas, administrativas e económicas', organizada en colaboración co Colexio Oficial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local (COSITAL) da Coruña e Pontevedra.

Esta xornada ten como obxectivo que alcaldes, concelleiros e persoal técnico dos concellos da provincia analicen os retos que a entrada en vigor da Lei 7/2022 de residuos e solos contaminados para unha economía circular plantea desde distintas perspectivas.

Formoso subliñou a importancia de avanzar nas medidas de economía circular establecidas nesta normativa, resaltando que “os tres vectores do novo modelo económico da Unión Europea están relacionados coa transición ecolóxica e a descarbonización, a dixitalización e a economía circular”. O presidente indicou que o novo modelo de xestión de residuos incorpora a preocupación europea pola valorización de residuos, con obxectivos que actualmente non se están a cumprir.

O presidente da Deputación tamén mencionou cifras alarmantes sobre a xestión de residuos en Galicia. En 2023, Galicia xerou 1.102.000 toneladas de residuos, cunha media de máis de 400 quilos por habitante, pero só o 18% destes residuos chega separados a Sogama. Este dato está por baixo da media nacional e moi lonxe do obxectivo do 55% que establece a UE para 2025 e do 65% previsto para 2030.

Ademais, Formoso destacou que apenas se está a utilizar un 3% da capacidade de compostaxe de Sogama, a pesar de que aproximadamente o 37% do lixo está constituído por materia orgánica que podería ser compostada. Tamén comentou o impacto que terá o aumento do canon de Sogama, que pasará de 66 a 108 euros por tonelada no próximo ano, sobre as economías municipais e a cidadanía.

Os obxectivos da Lei 7/2022 inclúen a redución na produción de residuos, a diminución do desperdicio alimentario, a limitación do uso de plásticos de un só uso e de vertedoiros, así como a recollida separada de biorresiduos, textís e enseres voluminosos.

Durante a xornada, houbo diversas ponencias, entre elas a de Simón Rego, conselleiro do Consello de Contas de Galicia, que falou sobre a problemática da contratación pública na xestión de residuos; Juan Ignacio Gomar Sánchez, inspector xefe da Axencia Tributaria do Concello de Madrid, que abordou as taxas locais da Lei; e Javier Domínguez Lino, presidente executivo de Sogama, que expuxo solucións para a xestión integral e circular dos residuos municipais en Galicia.

0.18447709083557