Os Concellos da AP-9 reúnense en Abegondo e reclaman o cobro íntegro do IBI

ACoruñaXa
Un total de 22 concellos de Galicia afectados polo paso da autoestrada AP-9 deronse cita esta mañá en Abegondo para lograr unha reclamación histórica: a cobranza do 100% do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), para o que contan cunha exención dun 95% por unha lei de 1972.
Abegondo Xuntanza AP9 1
Abegondo Xuntanza AP9 1
23 ene 2024
Un total de 22 concellos de Galicia afectados polo paso da autoestrada AP-9 deronse cita esta mañá en Abegondo para lograr unha reclamación histórica: a cobranza do 100% do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), para o que contan cunha exención dun 95% por unha lei de 1972.
A iniciativa impulsada dende o Concello de Abegondo foi ben recibida polos demais concellos afectados polo paso da autoestrada, aos que o alcalde, José Antonio Santiso, convocou hoxe para crear unha fronte común.  Así a reunión celebrada hoxe no salón de plenos de Abegondo acudiron representantes de: A Coruña, Culleredo, Cambre, Bergondo, Betanzos, Paderne, Cabanas, Ferrol, Oleiros, Mesía, Ordes, Oroso, Santiago de Compostela, Teo, Padrón, Valga, Caldas, Mos e Abegondo. Aínda que hai máis concellos interesados na acción, pero non puideron asistir por cuestións de axenda.
Ao encontro, tamén asistiu o despacho de avogados especializado na tributación de impostos públicos, Gonzalo Avogados, para explicar o informe previo que realizou a pedimento de Abegondo. A iniciativa xurdiu hai uns meses, tras coñecer o precedente de Castela e León, onde se producía unha situación similar.

Audasa deberá pagar a cada Concello

Os expertos xurídicos conclúen que en agosto de 2023 venceu a cláusula coa mencionada exención do imposto. Por tanto, os Concellos xa poderían tributalo ao 100% desde o último trimestre do ano pasado, e por suposto xa en 2024.
Para iso recomendan realizar pasos firmes pero con precaución, dado que é previsible a resposta de Audasa ante a contribución millonaria que lles vén encima. Asimesmo, tamén apostan por revisar o relatorio especial de valores do catastro para verificar se se contemplaron modificacións como ampliacións da calzada ou das infraestruturas complementarias, o que supoñerá tamén un aumento na tributación.
Así, a conclusión é que os Concellos poden actuar desde xa para tributar o 100% do IBI. Terano que facer de acordo coa Deputación, se é a administración á que teñen delegada a función. “É un momento histórico, imos poñer fin a unha inxusticia patente e xa viña sendo moita hora”, expresou Santiso. O rexedor mostrouse contento de tomar esta iniciativa porque supoñerá un aumento dos ingresos municipais “que poderemos dedicar a investimentos e servizos de interese veciñan en lugar de beneficiar á empresa concesionaria”.

Cada Concello deberá poñer en marcha procedemento

No caso de Abegondo, serían 595.000 euros ao ano os que se recadarían, fronte aos 29.771,04 euros que se percibe actualmente. O municipio é un dos máis afectados ao albergar 20 quilómetros de calzada, peaxes e outras dependencias. Na reunión, outros representantes puxeron de relevancia a enorme inxección que lles supoñerá, como o caso de Caldas de Reis, que pasaría de 15.000 a 300.000 euros.
Agora cada Concello determinará o seu propio procedemento, de acordo con a información trasladada hoxe na reunión promovida por Abegondo. Santiso xa deixou claro que o Concello abegondés iniciará “desde xa” o procedemento para reclamar “ou que por dereito corresponde aos nosos veciños”.