Os Caneiros deixa dez toneladas de residuos tras unha das xiras máis multitudinarias dos últimos anos

Os servizos municipais de Betanzos retiraron arredor de dez toneladas de residuos tras a celebración este martes da primeira xira fluvial aos Caneiros, unha das citas máis multitudinarias das festas de San Roque. O dispositivo de limpeza e acondicionamento permitiu recuperar o campo de Os Caneiros despois dunha xornada que contou cunha das maiores afluencias dos últimos anos.
A maior parte dos residuos retirados corresponden a botellas e outros envases de plástico, bolsas, caixas, cartóns e diferentes materiais depositados durante a celebración da romaría. O volume recollido supón un incremento respecto de anos anteriores, que o Concello relaciona principalmente coa elevada participación rexistrada nesta primeira xornada.
Os traballos de limpeza continuarán nas próximas horas polo camiño de Xan Xiao, desde Os Anxos, e polo propio leito do río, co obxectivo de completar a recuperación de todo o contorno utilizado durante a xira.
O Concello denuncia o roubo de material antes da romaría
Ás tarefas de limpeza súmanse os danos e roubos rexistrados antes da celebración da xira. Segundo explicou o Concello, durante a noite anterior foron subtraídos parte dos equipos de son e cables que estaban previstos para a romaría.
O roubo provocou que o sistema de son non chegase a cubrir parte do campo dos Caneiros durante a celebración.
Tamén foi afectada unha caseta de Protección Civil, da que desapareceu material que estaba almacenado para o dispositivo da xira. Ademais, os responsables do roubo chegaron a levar as ventás da propia caseta.
O Concello anunciou que presentará a correspondente denuncia polos feitos.
Máis de cen persoas no dispositivo da segunda xira
Os servizos municipais realizaron tamén diferentes traballos de acondicionamento no campo de Os Caneiros para deixalo preparado para a segunda xira fluvial, prevista para o martes 25 de agosto.
Aínda que o Concello prevé unha menor afluencia de persoas nesta segunda xornada, manterá o mesmo dispositivo especial de seguridade e atención á cidadanía despregado na primeira.
O operativo estará formado por máis de cen persoas, entre efectivos de Protección Civil, Garda Civil, Policía Local e Cruz Vermella, que se encargarán da seguridade, da atención aos asistentes e da correcta organización da romaría.
As festas de San Roque continúan en Betanzos
A programación das festas de San Roque continúa esta semana con diferentes actividades. Este mércores, ás 17.00 horas, o Auditorio do Pasatempo acollerá unha festa infantil con inchables, mentres que ás 19.30 horas o estadio García Irmáns será escenario do XXII Torneo de Veteranos de Betanzos.
Xa pola noite, ás 22.30 horas, a praza da Constitución acollerá a actuación de The Cruze, con versións de clásicos do pop e do rock nacional e internacional.
O xoves 20, a programación continuará ás 10.30 horas cunha nova xornada de portas abertas de piragüismo para nenos e nenas de 7 a 14 anos. Pola tarde haberá novamente actividades infantís no Pasatempo e, ás 17.30 horas, o estadio do Carregal acollerá o II Triangular de fútbol xuvenil.
A xornada rematará ás 22.30 horas coa actuación da orquestra Los Satélites na praza dos Irmáns García Naveira.
A programación festiva continuará nos próximos días ata a celebración da segunda xira aos Caneiros o martes 25 de agosto, que volverá contar cun dispositivo especial para garantir o normal desenvolvemento dunha das celebracións máis características das festas de San Roque.