Os candidatos do PSdeG á Xunta pola provincia comprométense a mellorar a rede de transportes
Os candidatos do PSdeG-PSOE na provincia Julio Abalde a Silvia Longueira acudiron á Estación de Autobuses da Coruña para expoñer as propostas da formación en materia de transportes.
Julio Abalde, número 2 da lista, sinalou que o PSdeG presente solucionar os problemas de comunicacións entre Coruña e Ferrol, e tamén entre os demais concellos, que son froito da reformulación das liñas realizada pola Xunta hai dous anos.
"Hai que revisar como están funcionando as distintas liñas, como se realizaron eses contratos, e cambiar o que haxa que cambiar para que o transporte público sexa realmente efectivo e garanta a igualdade de todos os galegos e galegas", explicou Abalde. Tamén sinalou a necesidade de crear un Consorcio de Transporte Metropolitano na área da Coruña para atallar os problemas de conexións que esta está a padecer.
Por outra banda, a número 3 da candidatura, Silvia Longueira, afirmou que a Estación de Autobuses da Coruña "foi unha referencia, pero hoxe en día está, desgraciadamente, esmorecendo, pois as persoas usuarias atópanse día tras día con suspensións, retrasos ou liñas non anunciadas, impedíndolles ir ao traballo ou acudir a algún servizo".
"Este é o modelo de transporte da Xunta de Galicia, moi afastado dunha mobilidade europea e do Século XXI", criticou a socialista. "Parécenos inaceptable esta situación, hai unha falta total de control sobre o que está a acontecer", recalca. "Agardamos que isto cambie axiña, e que os e as socialistas poidamos, dende a Xunta de Galicia, darlle unha solución a este problema non só na provincia da Coruña, senón nas catro provincias galegas", concluíu Longueira.