Os Bolechas levarán a súa gran orquestra este sábado 30 de novembro a Arteixo

Os Bolechas, os entrañables personaxes creados por Pepe Carreiro, visitarán Arteixo o sábado 30 de novembro co seu espectáculo Os Bolechas tocan nunha gran orquestra. A función celebrarase no auditorio do Centro Cívico Cultural Manuel Murguía ás 19:00 horas, cunha duración aproximada de 60 minutos e entrada mediante invitación.
A actividade, organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística no marco do programa Falaredes 2024, está dirixida a nenas e nenos de entre 4 e 9 anos, ademais das súas familias. Durante a representación, Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, acompañados polo seu inseparable can Chispa, descubrirán unha caixa chea de instrumentos musicais e decidirán crear un escenario para ofrecer un gran concerto.
A través das melodías do tambor, a guitarra, o piano ou a frauta, os protagonistas aprenderán sobre diferentes estilos musicais e comporán as súas propias cancións, invitando ao público a participar nesta aventura creativa. Unha oportunidade única para que os máis pequenos experimenten cos instrumentos e exploren novos ritmos en compañía dos seus personaxes favoritos.