Os animais de compañía volverán ter o seu gran escaparate cunha nova edición de 'Pata Pata'

A Coruña converterase esta fin de semana nun dos puntos de referencia galegos para o sector dos animais de compañía coa celebración de 'Pata Pata 2026'. A cita desenvolverase en EXPOCoruña os días 18 e 19 de abril e chega á súa segunda edición coa intención de consolidarse como o gran encontro galego arredor do mundo animal.
A organización destaca que esta nova convocatoria porá o foco no turismo pet friendly, nun momento no que Galicia busca gañar peso como destino para persoas viaxeiras que se desprazan cos seus animais. Xunto á zona expositiva, a feira incluirá exhibicións, formacións, actividades familiares e mesas técnicas sobre servizos, establecementos e iniciativas vencelladas ao benestar animal e á acollida deste tipo de visitantes.
Entre as propostas anunciadas figuran as exposicións internacionais felinas durante as dúas xornadas, un concurso de beleza canina o domingo 19 e unha programación infantil en horario continuo ao longo da fin de semana. Ademais, tamén haberá actividades con inscrición previa, como un encontro fotográfico, unha demostración práctica de educación canina, unha 'mascotada' infantil e un certame pensado para poñer en valor o talento dos cans participantes.
A feira abrirá ao público de 10.00 a 20.00 horas tanto o sábado como o domingo. As entradas teñen un prezo de 6 euros por día para o público xeral e de 3 euros para nenos e nenas de 4 a 12 anos, mentres que a entrada será gratuíta para menores de 4 anos. O recinto estará preparado tamén para a asistencia con animais de compañía, con puntos de alimentación e hidratación, zona calma e presenza permanente dun equipo veterinario.