Os alcaldes socialistas da Provincia reclaman á Xunta máis fondos para o servizo de axuda no fogar
Os alcaldes e alcaldesas socialistas da provincia da Coruña esixen á Xunta de Galicia “un sistema xusto de financiamento para afrontar o gasto do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que é unha competencia do goberno autonómico, pero cuxo custe está sendo asumido en máis dun 50% polos concellos, o que produce serios problemas nas economías municipais”.
O Consello de Alcaldes e Alcaldesas do PSdeG na provincia da Coruña, no que están representados os 32 rexedores e rexedoras municipais do Partido Socialista na provincia, reuniuse este xoves na cidade herculina para analizar, entre outros temas, os importantes problemas económicos que está xerando aos concellos a continua transferencia de competencias por parte da Xunta de Galicia, sen dotalas dun financiamento axeitado. “A asunción de competencias impropias supón para os concellos un déficit anual de máis 600 millóns ao ano, segundo un recente informe da Fegamp”, afirmou Bernardo Fernández Piñeiro, secretario provincial do PSdeG na Coruña.
A Xunta invita, os concellos pagan
“Cada vez son máis os asuntos nos que Xunta invita e os concellos pagan. Os municipios asumimos cada vez máis facturas de competencias impropias, que afogan as economías municipais e detraen recursos para atender as nosas verdadeiras competencias”, manifestou Bernardo Fernández, secretario provincial dos socialistas, que destacou que cuestións como a limpeza e mantemento de centros escolares e centros de saúde, o control de animais domésticos e xabaríns, os comedores escolares ou a maior parte dos custos do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) son derivadas aos concellos, pese a ser competencia da Xunta.
Durante o encontro, os alcaldes e alcaldesas socialistas analizaron a nova lexislación estatal que reduce a parte do copago que deben asumir os usuarios do servizo de Axuda no Fogar para que sexa asumida pola administración. “Unha medida social coa que estamos de acordo, pero o que non podemos aceptar é que este incremento do gasto se volva a repercutir unha vez máis nos concellos. A Xunta é quen ten as competencias e é quen debe asumir ese incremento do gasto”, afirmou Bernardo Fernández.
Segundo explicou o líder dos socialistas na provincia, o custe dunha hora de Servizo de Axuda no Fogar supón a día de hoxe entre 22 e 24 euros, dos que a Xunta, contando coas achegas económicas que lle fai o Estado para este servizo, aporta 12 euros; mentres que entre os concellos e o copago dos usuarios aportan o resto (entre 10 e 12 euros) cos seus fondos propios.
Isto, sumado a que o SAF é un servizo cada vez máis demandado debido ao envellecemento da poboación, produce que os municipios teñan que asumir importantes cargas económicas, que se incrementan ano a ano e hipotecan o seu futuro económico. “En moitos concellos, o SAF supón xa un de cada tres euros dos que dispoñen os concellos para gastos correntes. Son cifras moi importantes para asumir un servizo que é competencia da Xunta, non dos concellos”, explicou o secretario provincial dos socialistas.