Os populares consideran que, tanto a Lei de Amnistía que se está tramitando nas Cortes como o resto de privilexios que o independentismo está a impoñer como condición para sacar adiante as votacións no Congreso dos Deputados, poñen de relevo unha grave alteración das regras de xogo democráticas. "É por iso debemos manifestar a nosa profunda preocupación pola degradación institucional á que estamos a asistir, debido a que supón unha flagrante deterioración do noso Estado de dereito, ataca os principios constitucionais máis básicos e compromete a viabilidade de todos os niveis de administración do Estado, incluído o municipal que nós representamos", defenden dende o PP.
Ademais, afirman que para continuar no poder, o PSOE e todos aqueles partidos cuxo obxectivo é liquidar a nosa nación, situaron a España nun dos momentos máis graves da nosa historia recente: desprotéxense os dereitos e liberdades fundamentais, cérnase o principio de separación de poderes e acábase coa igualdade dos españois e a solidariedade entre territorios a cambio dun puñado de votos. Consideran que "o noso principal deber como representantes da cidadanía nos concellos é defenderlles fronte a todo isto, xa que conceder prerrogativas a uns poucos cidadáns implica que aqueles a os que nós nos debemos sexan discriminados". Os 3.361 alcaldes populares, así como os 23.421 concelleiros que ten o partido secundaron un manifesto no que reiteran o seu compromiso por gardar e facer gardar a Constitución e mostraron ademais a súa oposición a que «a extorsión do independentismo determine en última instancia as decisións adoptadas polo Executivo central».