Orro celebra hoxe a XVII Festa do Polo Pedrosiano con cea popular e música

A parroquia de Orro celebra hoxe, sábado 4 de xullo, unha nova edición da Festa do Polo Pedrosiano, unha cita xa tradicional organizada pola Asociación A Pedrosa coa colaboración do Concello de Culleredo.
A programación comezará pola tarde, co acendido das brasas ás 17.00 horas para preparar os polos mediante un cociñado lento. A degustación popular está prevista para as 21.00 horas.
As persoas asistentes poderán gozar dunha ración por 13 euros, que incluirá polo picantón, cachelos, pementos de Padrón, pan, bebida e café.
Tras a cea, a celebración continuará con música e baile da man de MERI, que será a encargada de amenizar a noite cun repertorio pensado para públicos de todas as idades.
Desde o Concello de Culleredo animan á cidadanía a participar nesta xornada de convivencia, gastronomía e encontro veciñal. A organización lembra ademais que o recinto conta cunha carpa permanente para maior comodidade das persoas asistentes.