Organizan un curso de micoloxía en Culleredo do 28 ao 30 de novembro

ACoruñaXa
O prazo de inscrición comeza o 19 de novembro e está limitado a 30 prazas gratuítas
MICOLOXIA CULLEREDO CURSO
19 Nov 2024

O Concello de Culleredo abre o prazo de inscrición para o Curso de Micoloxía 2024 este martes, 19 de novembro, a partir das 9:00 horas. As inscricións serán gratuítas e poderán realizarse ata o luns 25 de novembro a través do formulario habilitado na páxina web municipal.

O curso, que conta cun límite de 30 prazas para preservar o medio natural, dará prioridade ás persoas empadroadas no municipio. A lista de persoas admitidas publicarase o martes 26 de novembro, xunto cunha lista de espera en caso de superarse as prazas dispoñibles.

O programa desenvolverase en tres sesións entre os días 28 e 30 de novembro. A primeira xornada terá lugar o xoves 28, de 20:00 a 22:00 horas, no Centro Municipal de Formación Pablo Picasso, onde Fernando Ramos García ofrecerá unha charla introdutoria sobre o mundo das setas.

O venres 29, Raquel Poncini Gómez impartirá unha sesión sobre curiosidades do mundo fungi e realizará unha degustación de cogomelos no mesmo centro, de 20:00 a 22:30 horas.

Por último, o sábado 30 terá lugar unha saída micolóxica a Guitiriz, de 9:30 a 14:00 horas, onde se realizará unha identificación de exemplares no campo. A actividade contará con guías expertos como Raquel Poncini Gómez e Fernando Ramos García e inclúe transporte en autobús con saída desde O Burgo.

0.18884181976318