Ordes rebaixa a súa taxa de criminalidade e aborda a adhesión ao sistema VioGén

ACoruñaXa
Julio Abalde destaca o descenso da criminalidade no municipio e anima ao Concello a incorporarse ao sistema VioGén
ORDES delegado goberno
26 Mar 2026

O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, copresidiu este xoves xunto co alcalde, José Luis Martínez, a Xunta Local de Seguridade de Ordes, unha reunión na que se fixo balance da situación do municipio e da coordinación entre Garda Civil, Garda Civil de Tráfico, Policía Adscrita e Policía Local.

Os datos analizados na xuntanza deixan unha lectura positiva da evolución da seguridade cidadá no concello. Segundo a información trasladada durante o encontro, Ordes pechou 2025 cunha taxa de criminalidade de 28,48 delitos por cada mil habitantes, por baixo das medias provincial, galega e estatal. Ademais, os delitos leves baixaron un 24,36 por cento con respecto a 2024 e o conxunto das infraccións penais reduciuse un 9,31 por cento.

A reunión serviu tamén para repasar o desenvolvemento do Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e os seus Contornos, unha iniciativa do Ministerio do Interior orientada á prevención e á colaboración coa comunidade escolar. No caso de Ordes, participaron cinco centros e no último período desenvolvéronse 25 actividades, con 773 beneficiarios.

Outro dos asuntos postos enriba da mesa foi a violencia de xénero. Abalde animou ao Concello a adherirse ao sistema VioGén, a ferramenta estatal que integra información policial, xudicial e social para avaliar o risco e coordinar a protección das vítimas.

0.12654399871826