Ordes licita melloras viarias en Mercurín e Leira por máis de 483.000 euros

ACoruñaXa
O Concello actuará nos accesos a Perra, Meitufe, Mañufe, Vilasenín, A Espiñeira e Bailía, con pavimentación, drenaxe, sinalización e novas canalizacións de pluviais
Imaxe da Casa do Concello de Ordes
1 Jul 2026

O Concello de Ordes abriu o proceso de licitación para executar dúas actuacións de mellora viaria nas parroquias de San Clemente de Mercurín e Leira, cun investimento total que supera os 483.000 euros. As obras forman parte do POS+ Adicional 4/2025 e contan tamén con achegas de fondos propios municipais.

Na parroquia de Mercurín, o proxecto permitirá mellorar tres tramos de vía por un importe de 204.864,35 euros. As actuacións centraranse nos accesos a Perra desde a AC-409, no camiño de Perra a Meitufe e no vial de Mañufe a A Cabana. Os traballos incluirán reparación de fochas, tratamento asfáltico, aglomerado en quente, limpeza de gabias e salvagabias, sinalización horizontal e colocación de sinais de stop nos puntos necesarios.

A segunda intervención desenvolverase na parroquia de Leira, nos accesos aos núcleos de Vilasenín, A Espiñeira e Bailía, cun orzamento de 278.786,20 euros. Neste caso actuarase sobre unha superficie de 11.735 metros cadrados, principalmente mediante a aplicación de aglomerado en quente.

No núcleo de Vilasenín tamén se renovará unha superficie de 870 metros cadrados con grixo e formigón. Ademais, o proxecto contempla melloras na canalización do abastecemento e na recollida de augas pluviais, así como a limpeza de gabias, a execución de cunetas de seguridade, o pintado de marcas viarias e a instalación de nova sinalización.

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 27 de xullo a través do perfil do contratante do Concello de Ordes.

0.13058805465698