Ordes dá luz verde ao POS+ 2026 con obras en rúas e accesos e a depuradora no horizonte

O Concello de Ordes deu luz verde á súa participación no POS+ 2026 nun pleno de xaneiro celebrado con unha semana de atraso, tras pactarse entre os voceiros máis marxe para pechar a documentación. A proposta saíu adiante cos votos do Goberno local (9), mentres BNG (6) e PSdeG-PSOE (2) optaron pola abstención.
O alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, puxo o foco nas dúas actuacións principais. A primeira, cun investimento de 261.641,60 euros (5.183,05 euros de fondos propios), inclúe a humanización e mellora da accesibilidade nas rúas Entreparques, da Fonte e Ramón Ferreiro, ademais do arranxo do firme na vía principal de Reboredo ata a N-550, con recollida de pluviais.
O segundo proxecto ascende a 619.933,05 euros, cunha achega municipal de 29.809,74 euros, e abrangue melloras de pavimentación, accesibilidade e sinalización nun amplo listado de rúas e travesías, xunto coa finalización da praza nas inmediacións da Mostra do Traxe Juanjo Liñares. Para o plan complementario e adicional quedaron aprobadas tres intervencións máis (Roberto Forján e outras, Fraga da Galiña (fase 1) e accesos e interiores de Ludiño), mentres 300.000 euros resérvanse para gasto corrente.
Na quenda política, o PSdeG criticou que a acumulación de obras nesta fase da lexislatura responde a unha ‘estratexia electoral’ e a unha falta de planificación. O BNG cuestionou o alcance das humanizacións e reclamou máis medidas no rural, ademais de poñer o acento no saneamento e na depuración. O rexedor respondeu que se prioriza o máis urxente e avanzou que se traballa coa Xunta para que a ampliación da EDAR se execute no período 2029-2030, ligada ao crecemento do parque empresarial de Merelle segundo o PXOM, e que o convenio con Augas de Galicia para a mellora da ETAP de Buscás se formalizará en 2026-2027, cun investimento duns 1,5 millóns de euros e financiamento autonómico do 80%.
O pleno tamén ratificou a oitava edición do obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo, con Frades e Mesía, con especialidades de xardinería e albanelaría e unha achega de 501.576 euros. Ademais, aprobouse por unanimidade iniciar o expediente para designar un cronista oficial e delegar na Xunta o proceso selectivo da Policía Local. As dúas mocións do BNG (sobre cortes eléctricos e sobre vaos diúrnos e nocturnos) non prosperaron, e a sesión pechouse con rogos e preguntas sobre sanidade, seguridade e melloras en distintos puntos do municipio.