Ordes, Carballo e Brión serán as sedes do I Circuíto de baloncesto 3x3 da Deputación da Coruña

ACoruñaXa
Disputarase en 3 categorías: Preminibasquet (2014 e 2015), Minibasquet (2012 e 2013) e infantil (2010 e 2011)
Imaxe recurso de baloncesto
Imaxe recurso de baloncesto
8 may 2024

A área provincial de Deportes organiza a primeira edición do 'Circuíto de Baloncesto 3x3 Deputación da Coruña', dirixido a nenos e nenas nados entre os anos 2010 e 2015 que estean en posesión de licencia federativa durante o curso 2023 – 2024 e pertencentes a equipos de baloncesto da provincia.

Neste sentido, establécense un total de tres categorías: Preminibasquet (nados no 2014 e 2015), Minibasquet (nados no 2012 e 2013) e Infantil (nados no 2010 e 2011).

Cada club federado poderá inscribir a un máximo de 3 equipos na competición, dando prioridade a clubs sen ningún equipo inscrito, e cada un dos equipos estará integrado por un máximo de 4 xogadores e un mínimo de 3. Todos os equipos deberán contar cun responsable do club, con licencia federativa e maior de idade.

Ademais, está permitida a substitución de tan só un integrante por equipo ao longo do circuíto, por causa xustificada e solicitude ante a organización da Federación Galega de Baloncesto.

As inscricións dos equipos, que serán completamente de balde, deberán facerse a través da web da FGB na ligazón www.fegaba.com ata 20 días antes da celebración da proba. Os equipos poderán inscribirse para unha ou dúas das sedes da fase previa e o máximo de clubs inscritos por cada unha das categorías e sedes será de 16.

A primeira edición terá lugar no mes de xuño en tres concellos da provincia: Carballo o día 8, Ordes o 22 e Brión o 29.

Os partidos celebraranse en xornada única en horario e mañá e tarde e o lugar do evento determinarase o xoves antes de cada unha das probas en función da previsión metereolóxica.

A competición constará de dúas fases previas e unha fase final. A fase previa xogarase en formato de liga de grupos, cun máximo de 4 equipos, establecidos por sorteo puro a ida e volta.

Na fase final participarán os mellores 16 equipos de cada categoría en base aos puntos sumados nas dúas sedes da fase previa. Contará cun formato play – off, con cabezas de serie que se establecerán en función da clasificación na fase previa, e o resto de equipos por sorteo puro.

Os equipos máis destacados en cada unha da categorías serán agasallados cun trofeo, medallas e vales para intercambiar por material escolar en diferentes establecementos da provincia da Coruña.