Ordes avanza na mellora do abastecemento e saneamento da auga entre O Mesón do Vento e O Canedo
A Xunta de Galicia e o Concello de Ordes están a ultimar os detalles do proxecto que permitirá mellorar os servizos de abastecemento e saneamento na zona que vai desde O Mesón do Vento ata O Canedo. Tras unha recente reunión entre a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Ordes, José Luis Martínez, confirmouse que a adxudicación das obras está prevista antes de que remate o ano 2024.
O proxecto, que foi licitado en abril cun orzamento inicial superior a 680.000 euros, está pendente do informe técnico para avaliar as ofertas presentadas. Esta iniciativa podería ser cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) a través do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.
As obras inclúen a instalación de novas redes de abastecemento e saneamento, a reposición do pavimento afectado, e a pavimentación e recollida de pluviais nos viarios do núcleo do Canedo. A nivel de abastecemento, o obxectivo é mellorar o reparto das presións substituíndo as traídas veciñais e os pozos particulares. No caso do saneamento, a actuación permitirá eliminar as fosas sépticas e as verteduras incontroladas.
Ademais, tamén se abordou a reforma da estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Ordes, cun orzamento de preto de 1,45 millóns de euros. Segundo a conselleira, a revisión das últimas correccións técnicas está en fase final e será completada proximamente. Vázquez destacou o compromiso da Xunta para seguir prestando apoio técnico e económico aos concellos, co fin de mellorar a calidade dos servizos de saneamento e abastecemento.