Ordes abre as inscricións para a Xuntanza dos Maiores, que reunirá á veciñanza o 5 de setembro

ACoruñaXa
O tradicional encontro incluirá misa, xantar de confraternidade e actuación musical no Pavillón Castelao II
ORDES festa de maiores
9 Aug 2026

O Concello de Ordes celebrará o vindeiro sábado 5 de setembro unha nova edición da Xuntanza dos Maiores, unha cita pensada para fomentar a convivencia entre a veciñanza de máis idade a través dunha xornada de encontro, lecer e confraternidade.

O programa dará comezo ás 13.00 horas cunha misa solemne que terá lugar no cobertizo anexo ao colexio Castelao, no mesmo espazo empregado na edición anterior. Posteriormente, ás 14.30 horas, os participantes compartirán un xantar de confraternidade no Pavillón Castelao II, onde a celebración continuará cunha actuación musical.

Poderán participar as persoas maiores de 60 anos empadroadas no municipio, así como pensionistas de calquera idade que tamén estean empadroados en Ordes. Neste último caso, será necesario presentar a documentación que acredite a condición de pensionista.

As inscricións permanecerán abertas do 19 ao 28 de agosto nas oficinas xerais do Concello, situadas na planta baixa da casa consistorial. Para formalizar a reserva será necesario presentar o DNI e aboar unha cota de 5 euros por persoa.

O día da celebración, os asistentes deberán acceder ao recinto presentando o DNI xunto co resgardo da inscrición. Con esta iniciativa, o Concello busca ofrecer un espazo de encontro para favorecer as relacións sociais e recoñecer o papel das persoas maiores na vida do municipio.

0.12001895904541