Opinión: New York nos 80

GaliciaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa
A nova musical máis actual e mesmo 'Ma non troppo'
Julia-M.-Dopico-Vale-y-Pineiro
26 Jul 2026

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro

Durante todos estes días pode visitarse en Mondoñedo, na que foi a casa de Eva González Seoane, esposa do mestre da narrativa fantástica Álvaro Cunqueiro, a exposición fotográfica “New York nos 80”, do profesor de literatura, filosofía e historia James Bloom. O autor estadounidense (Nova York, 1963), despois de percorrer distintos países exercendo a súa profesión —Inglaterra, Alemaña, España, Turquía, Exipto…— decidiu establecerse xunto á súa esposa británica neste antigo “monte entre ríos e fontes”, atraídos ambos polo seu clima, pola súa historia e polo recordo que deixou nel a experiencia de facer o Camiño anos atrás.

A exposición nace coa publicación do libro do mesmo título e reúne unha selección de imaxes captadas polo autor cando era adolescente, nunha etapa na que a súa vida transcorría na súa casa de Manhattan, preto de Coney Island, o histórico parque de atraccións que continúa a ser un dos espazos máis emblemáticos da cidade.

James Bloom recibiu unha educación privilexiada en colexios privados, pero moi novo decatouse de que existía unha realidade moi diferente máis alá dese círculo. A fotografía converteuse entón, tal e como el mesmo afirma, nunha “vía de escape desde o meu mundo para atopar o resto do mundo”.

Entre as instantáneas de Bloom atopamos aos seus veciños inmigrantes checos, chegados tras a Primeira Guerra Mundial; a un auténtico “tipo duro” do barrio; a un grupo de lesbianas acompañadas do seu amigo trans, nunha época moi distinta á actual, na que estas realidades permanecían ocultas, especialmente entre a comunidade chicana; a un poeta de rúa que recitaba versos que quedaban gravados na memoria de Manhattan; ou a outro personaxe orgulloso de representar o movemento Black Power. Persoas únicas coas que se cruzou por casualidade e que, relaxadas no seu propio ambiente, deixan entrever a súa verdadeira esencia.

Naquela década marcada por unha maior liberdade, moitas persoas amosábanse satisfeitas de que alguén se interesase por inmortalizar a súa existencia, por deixar constancia da súa identidade e da súa pegada no paso da vida. Iso é precisamente o que consegue captar a mirada atenta de James Bloom, ofrecendo a faciana máis humana dunha sociedade que tamén buscaba escapar da chamada “meritocracia norteamericana”.

Desde estas liñas quero felicitar ao amigo James Bloom pola súa capacidade para descubrir e retratar unha visión profunda, sincera e auténtica das persoas.

Un artista.

0.11990809440613