Opinión: My dear and great unknown

GaliciaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa
A nova musical máis actual e mesmo 'Ma non troppo'
Julia-M.-Dopico-Vale-y-Pineiro
28 Jun 2026

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro

Interrompín as miñas publicacións semanais por dúas importantes razóns: o sol, a estrela corazón do sistema planetario que anima a ser gozado nestas xornadas estivais, e as conferencias que veño realizando este mes sobre o músico José Arriola, o meu querido e gran descoñecido, cuxa historia merece ser relatada dende o profundo respecto que merece o gran compositor —o «Mozart español» ou o «Mozart galego»— e célebre prodixio ao piano, a quen moitos lembran permanecendo sempre entre luces e sombras, talvez nun eco afastado que continúa resoando sen saber como nin cando...

Veritas nunquam perit —«a verdade nunca perece»— dicía o estoico Séneca «o Novo»; mais só algúns desexan escoitala, preferentemente non compartila e sendo, dende o meu punto de vista, imprescindible asumila para vela brillar tan só un instante, vencedora, e desvanecerse despois no aire, polo aire, co aire... Son só «os elixidos» os que se perpetúan en Mnemósine —a memoria—. Entre eles, Arriola, que se entrelaza no meu destino coma unha hedra, rexurdindo unha e outra vez —¿Fénix?— entre logros e derrotas.

Concluíuse o primeiro ciclo destas conferencias coa colaboración da Xunta de Galicia e a agarimosa acollida no Pazo do Monte de Ferrol, onde Sergio Lorenzo ilustrou musicalmente as miñas palabras interpretando unha selección de obras escritas para piano por Arriola e recollidas nas Impresiones Argentinas; na Casa Museo Wenceslao Fernández Flórez, onde, con sumo gusto, eu mesma interpretei tamén ao piano a súa Habanera Aurora, recollida no CD Galicia na Memoria, no que eu mesma, coa bandurra e acompañada ao piano, iniciaba este proceso de recuperación musical, humildemente, co mesmo instrumento que tocaba Chané e co que Chané o recibe en Cuba, cando aquilo era aquel Borinquen, aquela «Perla do Caribe»; e en «Gráficas Santiago» —Casa de Letras—, nun Ribadeo tamén indiano, inesquecible e tropical, que me trae recordos familiares que quizais un día se irán contando, mais... paseniñamente, pouco a pouco, step by step, en marchant...

Arriola volverá en setembro, o septum, sendo solicitados el e mais eu no Casino da Coruña, no de Ferrol, no Museo Provincial de Pontevedra e na Casa da Cultura de Pontedeume... Arriola e mais eu: «Soñando los caminos de la tarde. ¡Las colinas doradas, los verdes pinos, las polvorientas encinas! ¿A dónde el camino irá?».

0.12368988990784