Opinión: Galicia Rural Women Day

AMariñaXa | ACoruñaXa
A nova musical máis actual e mesmo 'Ma non troppo'
Julia-M.-Dopico-Vale-y-Pineiro
11 Oct 2026

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro

Establecido pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, cada 15 de outubro desde 2008 celébrase o Día Internacional das Mulleres Rurais coa finalidade de recoñecer a función e a contribución decisiva das mulleres rurais e indíxenas na promoción do desenvolvemento agrícola, na mellora da seguridade alimentaria e na erradicación da pobreza no campo, xa que as mulleres representan arredor do 40 % da forza laboral agrícola a nivel mundial, aínda que, paradoxalmente, teñen menos acceso á propiedade da terra, á tecnoloxía e aos servizos públicos. Algo máis que significativo e que pon de relevo a connotación implícita dunha marcada diferenza.

Ao longo da historia, as mulleres foron o piar fundamental e case sempre invisible da agricultura e da economía. Desde a Prehistoria eran as encargadas de recoller froitos, raíces e sementes, converténdose en coñecedoras dos ciclos das plantas e asentando as bases da agricultura, aínda que o seu labor se valoraba —e segue valorándose— como unha "axuda" nas tarefas do fogar, sen recibir, polo tanto, salario propio, titularidade da terra nin recoñecemento legal.

Tras as dúas Grandes Guerras e as guerras civís, cando os homes eran recrutados para ir á fronte, eran as mulleres as que mantiñan a produción agraria e, polo tanto, a subsistencia, non só dos pobos, senón da humanidade, posto que do cultivo da terra e do mar proceden os produtos que nos ofrece a Pachamama para que vivamos todos.

En Galicia, esta xornada conmemorarase con moitos e diversos actos institucionais: mesas redondas, encontros organizados por asociacións locais e entidades do medio rural… En Ferrol, o 16 de outubro, celebrarase un acto no Teatro Jofre no que, ademais de lerse a Declaración Institucional do Día Internacional das Mulleres Rurais, presentarase o libro "As do Molido. As angueiras invisibles das mulleres rurais de Ferrol". Tamén se poderá escoitar a música das Cantareiras de Gradaille e do Real Coro Toxos e Froles, xunto coa actuación de Mundo Danza.

Unha merecida homenaxe ao labor inconmensurable de todas estas grandes mulleres.

0.69021487236023