Opinión: Espírito indomable

AMariñaXa | ACoruñaXa
A nova musical máis actual e mesmo 'Ma non troppo'
Julia-M.-Dopico-Vale-y-Pineiro
9 Nov 2026

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro

É difícil ser indomable; resistirse ante a opresión física, intelectual, ao adverso ou á dopamina, a “molécula da recompensa” que domina estes nosos tempos. Antes a cousa era diferente. A guerra era a guerra, como ben soubo Espartaco, o rebelde que elixiu a morte antes que someterse aos romanos; Nelson Mandela, que pasou 27 anos preso durante o apartheid en Sudáfrica sen renunciar aos seus ideais; Sócrates, que preferiu a cicuta envelenada antes que retractarse da verdade; Galileo Galilei, que probou a Inquisición mantendo aquilo de Eppur si muove; Xoana de Arco, a campesiña que liderou o exército francés ata ser queimada na fogueira, ou María Pita, a heroína que asediou a frota inglesa capitaneada por Francis Drake.

As Heroínas de Sálvora, que tras afundirse o vapor Santa Isabel —o Titanic galego— rescataron máis de 50 náufragos, ou o mítico Breogán, rei e caudillo celta considerado na tradición popular como o pai e fundador de Gal e construtor da Torre de Hércules, ou os numantinos, que desafiaron Roma durante máis de 20 anos. Un exército de leóns, e de aí a expresión “resistencia numantina”, como a que teñen os verdadeiros artistas que saben que crear é ir máis alá de lucirse na “pasarela” do escenario: Rembrandt, Van Gogh, Beethoven, Bach, Paganini, Liszt, Stravinski… Lou Reed, Prince, Sinead O’Connor, Janis Joplin, Little Richard, Tina Turner, Louis Armstrong, Compay Segundo, Atahualpa Yupanqui, Rod Stewart… ou poetas soberbios como Walt Whitman, Gabriela Mistral, Alfonsina Storni, Pessoa, Baudelaire, Rosalía, Lorca, Espronceda, Miguel Hernández, Antonio Machado, Shakespeare, Molière…

En fin!, un “sen fin” de homes e mulleres auténticos e cun compromiso que, a día de hoxe, parece terse diluído nun cuestionable “benestar”. E digo que só o parece, porque non todos entran no mesmo saco.

Pero o Espírito Indomable de hoxe é o epígrafe que outorga a Real Filharmonía de Galicia aos dous concertos que tiveron lugar os días 5 no Auditorio de Santiago e o 6 no Teatro A Fundación de Pontevedra, presentando a obra do compositor finlandés Magnus Lindberg, figura esencial da música sinfónica das últimas décadas, co seu Concerto para violín núm. 1, de Lindberg, con Roman Simovic como solista, e despois a Sinfonía núm. 7 en re menor, op. 70, de Dvorak.

Baixo a dirección de Baldur Brönnimann escoitáronse estes compases de linguaxes diferentes, pero significativos no espectro sinfónico actual. Interesante achega neste momento no que o xénero vive a reinvención e adaptación de repertorios, sendo a Filharmonía e a Sinfónica de Galicia, xunto ás novas orquestras galegas, verdadeiros motores e canalizadores para fomentar e difundir entre os músicos e ante o público soberano estas interesantísimas achegas.

 

 

0.14681315422058