Opinión: Concerto de música sacra

AMariñaXa | ACoruñaXa
A nova musical máis actual e mesmo 'Ma non troppo'
Julia-M.-Dopico-Vale-y-Pineiro
19 Apr 2026

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro
O pasado sábado 11 de abril na Igrexa Parroquial de Santiago de Pontedeume ‒un verdadeiro tesouro arquitectónico‒ tivo lugar un concerto de música sacra organizado pola Coral Polifónica Eumesa, dirixida por Xosé Paz Fernández, o eumés que se mantén firme na súa vocación musical ao longo de toda unha vida. Presentou o acto Alejandra Bellón, salientando o labor conxunto de homes e mulleres que, de maneira altruísta, manteñen viva a tradición de cantar xuntos; como nunha “sinfonía coral”, tan antiga como a nosa propia existencia, tanto na espiritualidade dos coros relixiosos como nos cantos festivos de taberna ou noutros nos que se resalta un sentir común, un propósito compartido; algo que Beethoven leva á súa máxima expresión coa súa Oda á alegría, creando unha melodía que resoa cun sutil eco… Todos os homes volven ser irmáns baixo a á suave da alegría.

Este encontro coral comezou coa Coral Polifónica de San Martiño de O Grove. Cofradía de Pescadores, dirixida pola moi nova Clara García Dorado e interpretando un repertorio rigorosamente clásico e de extraordinaria beleza: o anónimo Gran Signor, o Ave María de Victoria, peza clave da música renacentista española, e de Mozart, “o divino”, Ave Verum Corpus e Dona Nobis Pacem, de carácter tan sereno como esperanzador. Continuou a Coral Polifónica do Casino Tenis Club, formada por aproximadamente corenta voces mixtas de gran calidade e dirixida por Andrés Álvarez Toirán, interpretando Signore delle cime de Giusepe de Marci, Stabat Mater do húngaro Zoltán Kodály, un arranxo de The Sound of Silence de Simon & Garfunkel e novamente o Dona Nobis, e para concluír, os anfitrións, a Coral Polifónica Eumesa, acompañada polo pianista Pablo Nistal e coa colaboración da solista Ana Belén Manteiga, de voz doce, nítida e de matices encantadores.

Baixo a dirección de Xosé Paz, tan entusiasta e vital, alma mater do evento, interpretaron o Regina Coeli de A. Lotti, o Requiem aeternam de Bruckner, Deus meu, por que me abandonaches? ‒Elí, Elí…‒ de M. Frisina e Amén, novamente de Victoria. Eles puxeron o punto final a esta velada espiritual, musical e fraterna.

0.095802068710327