Opinión: Cantamos!

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro
Dende o 29 de xullo ata o 10 de setembro, os coros xuvenís galegos poderán inscribirse para compartir escenario xunto á Real Filharmonía de Galicia e participar nunha nova edición de Cantamos!, un proxecto que reforza o compromiso da orquestra para que os mozos e mozas artistas e a cidadanía que así o desexe poidan compartir a arte musical, intercambiando aprendizaxe, creación e goce, tanto a nivel individual como colectivo.
A edición está elaborada polo actual director do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, Javier Fajardo —desde 2022—, e propón unha viaxe musical con pezas do repertorio dos clásicos do cinema de autores como Danny Elfman (Introdución e Danza do xeo), John Williams (Harry Potter e o prisioneiro de Azkaban, Só na casa), Nani García Carril (Paxariños que voades), Antón García Sabanés (Canción de berce para unha princesa negra) e as nosas panxoliñas anónimas (Vinde, vinde; E rorró, rorró, meu neno). Todas elas foron adaptadas para a súa interpretación polo británico Peter Hope, recoñecido pola súa música lixeira e polos seus arranxos orquestrais.
Durante varios meses, os coros seleccionados prepararán un programa que culminará con dous concertos os días 17 e 18 de decembro no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, converténdose, sen dúbida, nunha experiencia única.
Cantamos! representa unha das principais apostas da Real Filharmonía de Galicia pola participación cidadá. A través deste proxecto, a orquestra reforza o seu papel como institución cultural aberta, achegando a música sinfónica a novos públicos.
A iniciativa desenvólvese en colaboración coa Asociación de Amigos da Ópera de Santiago e coa Federación de Coros de Galicia, dúas entidades de referencia para o seu impulso e continuidade, consolidando así unha alianza que fortalece o carácter integrador do proxecto.
É unha chamada aos numerosos coros xuvenís galegos para brindarlles a oportunidade de vivir unha experiencia tan enriquecedora como emocionante. Ánimo!