Once novos paneis alertan do risco de inundación na contorna do río Mero

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, vén de completar a instalación de 11 paneis divulgativos en distintos puntos dos concellos de Cambre e Culleredo co obxectivo de informar á cidadanía sobre o risco de inundación na contorna do río Mero.
A maior parte da nova sinalización sitúase en Cambre, con dez paneis instalados, mentres que outro foi colocado en Culleredo. Todos eles están vinculados á área de risco potencial significativo de inundación Río Mero-Cambre, unha zona incluída no Plan de Xestión do Risco de Inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.
Segundo a Xunta, esta área forma parte do grupo IV, no que se integran os espazos fluviais considerados de maior perigosidade e risco pola posibilidade de desbordamentos. A finalidade dos carteis é reforzar a prevención, mellorar a información dispoñible para a veciñanza e lembrar como actuar no caso de que se produza un episodio de inundación.
Os paneis combinan diferentes formatos, desde sinalización máis sinxela con información básica ata carteis xerais con datos específicos sobre a zona e protocolos de actuación. A iniciativa busca tamén achegar á cidadanía unha mellor comprensión da dinámica natural dos ríos e da importancia de manter medidas de autoprotección nas áreas expostas.
A actuación realizada en Cambre e Culleredo tivo un custo de algo máis de 4.200 euros e forma parte dun contrato máis amplo de Augas de Galicia para a concienciación, divulgación e sinalización de zonas con risco de inundación, cun investimento global próximo aos 700.000 euros.
Este programa xa permitiu colocar indicadores en 26 concellos galegos con áreas sensibles, entre eles varios da comarca e da contorna coruñesa, como Arteixo, Sada, Betanzos ou A Coruña, ademais de Cambre e Culleredo.
O plan inclúe tamén obradoiros en centros de educación infantil e primaria situados preto destas zonas de risco. Con eles, Augas de Galicia pretende concienciar ás novas xeracións sobre os asolagamentos, a protección das contornas fluviais e a influencia que poden ter as accións humanas no comportamento das canles de auga.