Oleiros súmase á nova edición dos Premios Youtubeiras+, que fomentan a creación de contidos en galego

ACoruñaXa
A VIII edición dos premios abre as inscricións e amplía o seu alcance ás creacións en TikTok
Imaxe da presentación dos Premios Youtubeiras+
25 sep 2024

O Concello de Oleiros colabora na organización dos Premios Youtubeiras+, unha iniciativa impulsada polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña. O obxectivo principal deste proxecto é fomentar a creación de contidos dixitais en galego, promovendo a visibilidade de creadores que utilizan a nosa lingua en plataformas como YouTube e, desde esta edición, tamén TikTok.

A edición deste ano, bautizada como Youtubeiras+ co lema "Fachenda ao cadrado", abre o prazo de inscrición desde hoxe ata o 15 de novembro. Os premios, que repartirán un total de 7.500 euros, contan con sete categorías que abranguen desde as mellores canles de YouTube e TikTok ata contidos revelación, calidade lingüística e un premio especial do público. As bases completas dos premios están dispoñibles na páxina web oficial www.youtubeiras.gal.

Na rolda de prensa celebrada na Universidade da Coruña, a concelleira de Cultura de Oleiros, Mª José Santos Zas, subliñou a importancia de participar nesta iniciativa, destacando o papel da xuventude na creación de contidos en galego e o seu impacto na divulgación e na innovación artística. Santos Zas tamén resaltou o aumento da participación nos últimos anos, o que reflicte o crecemento desta iniciativa no ámbito dixital.

 

 

0.18237590789795