Oleiros reitera que non legalizará o uso turístico das vivendas residenciais e critica a falta de control por parte da Xunta

ACoruñaXa
O Concello mantén a súa oposición ao uso turístico de vivendas residenciais e solicita un maior control á Xunta
Imaxe recurso de vivendas sociais
Imaxe recurso de vivendas
20 Ago 2024

O Goberno de Oleiros mantén a súa postura firme en contra da legalización do uso turístico das vivendas residenciais, unha práctica que considera prexudicial para a calidade de vida local. O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Oleiros define claramente o uso residencial como aquel que proporciona aloxamento permanente, mentres que o uso turístico está reservado exclusivamente para establecementos hoteleiros.

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, destacou hoxe a importancia de diferenciar entre o uso residencial e o uso turístico das vivendas, subliñando que a falta de control sobre estas prácticas contribúe ao incremento dos prezos dos alugueres e á deterioración da calidade de vida dos veciños nas zonas de alta demanda turística. "Non podemos permitir que as vivendas destinadas a ser fogar se convertan en simples negocios turísticos que expulsen aos residentes", afirmou Seoane.

Desde 2021, o Concello de Oleiros emite informes negativos para a legalización das vivendas de uso turístico, en cumprimento co PXOM. A administración local insiste en que existen suficientes opcións legais para aqueles que desexen dedicarse ao negocio da hospedaxe, sen necesidade de deturpar o uso residencial.

O Concello volveu esixir hoxe que a Xunta e o Estado asuman a súa responsabilidade e intensifiquen o control sobre esta problemática, protexendo así o dereito á vivenda e a calidade de vida dos cidadáns.

0.18844413757324