Oleiros recupera as aulas de reforzo para axudar ao alumnado a mellorar os seus resultados académicos

O Concello de Oleiros volverá poñer en marcha a finais de outubro o Programa de Reforzo e Apoio Educativo Municipal (PRAEMO), unha iniciativa destinada a facilitar o acompañamento académico do alumnado de Primaria e Secundaria.
As clases estarán dirixidas a estudantes desde 4º de Primaria e a todo o alumnado de Secundaria. O programa desenvolverase desde a semana do 19 de outubro ata a do 14 de xuño de 2027, cunha oferta que se repartirá entre Santa Cruz, Nós, Mera e Perillo.
As sedes poderán reorganizarse se nalgunha delas non se alcanza un número mínimo de participantes, co obxectivo de garantir o funcionamento das aulas e aproveitar os recursos dispoñibles.
Inscrición aberta ata o 30 de setembro
As familias interesadas en participar no programa deberán formalizar a inscrición antes do 30 de setembro. Para facelo, será necesario cubrir a ficha dispoñible na páxina web municipal e enviala ao enderezo de correo electrónico ensino@oleiros.org. Tamén será posible realizar o trámite de maneira presencial na Fábrica.
O PRAEMO busca ofrecer ao alumnado ferramentas que lle permitan afrontar con maiores garantías o curso académico. Entre os obxectivos da iniciativa están favorecer o éxito escolar, aumentar a motivación ante as clases e facilitar a adquisición de hábitos e técnicas de estudo.
As aulas tamén pretenden reforzar os coñecementos traballados nos centros educativos e ofrecer un apoio complementario para que os estudantes poidan consolidar as súas aprendizaxes ao longo do curso.