Oleiros reclama cambios nas subvencións da Xunta para vivendas protexidas
A Xunta de Galicia publicou recentemente as bases das subvencións para a adquisición de vivenda protexida, unha medida que exclúe as cooperativas en réxime concertado e condiciona a entrega das axudas á sinatura das escrituras, é dicir, ao final da obra. Esta situación xerou o descontento do Concello de Oleiros, que demanda que os fondos se concedan no momento de afrontar o pago inicial, cando as persoas compradoras máis o necesitan.
“O principal problema das persoas que queren adquirir unha vivenda protexida é conseguir o diñeiro para pagar o 20% inicial, xa que os bancos non financian máis do 80% do custo”, explicou o alcalde Ángel García Seoane. O rexedor destacou que esta dificultade deixa desamparadas a moitas familias e criticou as políticas actuais da Xunta de Galicia en materia de vivenda.
Segundo García Seoane, “a Xunta debe modificar estas subvencións se realmente quere facilitar o acceso á vivenda protexida. Fan falta axudas reais e non anuncios propagandísticos”. Ademais, reclamou que se inclúan todas as modalidades de vivendas protexidas, como as cooperativas concertadas impulsadas polo propio Concello de Oleiros, que ofrecen unha alternativa viable para moitas familias.
O goberno local considera que a política actual da Xunta non atende ás necesidades reais da cidadanía e insta a que se adopten medidas que permitan facer fronte ao pago inicial das vivendas, clave para fomentar o acceso á vivenda protexida de forma efectiva.