Oleiros reclama á Xunta que cubra todas as vacantes nas escolas infantís

O Concello de Oleiros reclama á Xunta de Galicia que cubra de inmediato todas as prazas de persoal pendentes nas escolas infantís do municipio. Máis dun mes despois do comezo do curso, os centros continúan sen dispoñer de todos os profesionais necesarios para garantir o funcionamento do servizo nas condicións previstas.
O Goberno local advirte de que esta situación afecta tanto á atención educativa dos nenos e nenas como á función destas instalacións como recurso para facilitar a conciliación das familias. Por iso, considera especialmente preocupante que o curso avanzase sen que estea garantida a presenza de todo o persoal necesario.
A falta de efectivos tamén repercute nas condicións laborais das traballadoras, que levan tempo reclamando melloras na prestación do servizo. Segundo o Concello, a ausencia de profesionais está a provocar un aumento das tarefas e unha maior saturación dos equipos, que deben atender os pequenos nun ámbito no que resultan fundamentais a estabilidade, a coordinación e os recursos humanos suficientes.
O Executivo municipal considera que non se pode seguir incrementando a carga de traballo das profesionais nin facer que as familias asuman as consecuencias da falta de planificación na contratación e cobertura dos postos por parte da Administración autonómica.
O Concello lembra que a competencia neste ámbito corresponde exclusivamente á Xunta de Galicia. Con todo, destaca que foi a Administración local a que adquiriu os terreos necesarios e construíu as catro escolas infantís de Oleiros. Ademais, contribúe ao financiamento do 30 % dos gastos anuais destes centros.
Por estes motivos, o Goberno municipal insiste na necesidade de que a Xunta resolva canto antes as vacantes existentes para asegurar unha atención adecuada á infancia e o correcto funcionamento dun servizo esencial para a conciliación.