Oleiros reclama á Xunta que asuma o 100 % do custo do SAF para evitar ‘recortar’ noutros servizos municipais

O Concello de Oleiros aprobou no pleno de xaneiro unha iniciativa coa que esixe á Xunta de Galicia o financiamento íntegro do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un paso que considera imprescindible para mellorar a prestación dun servizo clave para a atención á dependencia. Segundo o texto aprobado, a Xunta está a transferir unha contía por hora que non cobre o custo real que soporta o municipio.
O goberno local pon cifras enriba da mesa: mentres o acordo entre a Fegamp e a Xunta prevé elevar a achega autonómica ata os 18 euros por hora en 2028, Oleiros asegura que o custo actual do servizo no municipio xa se sitúa nos 24 euros por hora. Esa fenda, sostén o Concello, obriga a desviar fondos de ámbitos de competencia municipal (como obras, cultura ou deportes) para evitar que o sistema ‘colapse’.
A moción alerta, ademais, de problemas estruturais no sistema de dependencia: atrasos nas valoracións e unha situación laboral que cualifica de precaria para as traballadoras do SAF, cun convenio colectivo caducado desde hai máis dunha década.
No mesmo documento, Oleiros lembra que xa propuxo a outros concellos da provincia promover unha denuncia conxunta contra a Xunta e chama a ‘deixar de lado os intereses partidistas’ para reclamar o cumprimento do financiamento que defende como debido. O acordo plenario inclúe instar ao Executivo autonómico a elevar ‘de xeito inmediato’ a achega ata cubrir o 100 % do custo real e avanzar cara a un novo modelo de atención, construído co diálogo de todas as partes implicadas.