Oleiros propón aos concellos da comarca rexeitar renovar o convenio de transporte coa Xunta polas deficiencias no servizo

ACoruñaXa
O obxectivo é que a Xunta escoite as demandas dos concellos e traballe para mellorar as principais deficiencias do sistema de transporte
Imaxe dos autobuses da Xunta
28 Out 2024

O Concello de Oleiros propuxo aos municipios da comarca da Coruña non renovar o convenio de transporte coa Xunta de Galicia se o servizo público continúa sendo tan deficiente. O obxectivo é que a Xunta escoite as demandas dos concellos e traballe para mellorar as principais deficiencias do sistema de transporte, que Oleiros cualifica de "nefasto".

Este convenio obriga aos concellos a confinanciar o servizo, un gasto que no caso de Oleiros ascende a 200.000 euros anuais. Ante esta situación, o Concello considera inaceptable seguir pagando por un servizo que non cobre as necesidades básicas da cidadanía en termos de frecuencia, cobertura e puntualidade.

Se a Xunta non mostra disposición a dialogar, Oleiros propón ir máis aló e iniciar a creación dun consorcio de transporte que implique á cidade da Coruña e aos concellos da comarca, aproveitando o próximo vencemento do contrato de transporte do Concello da Coruña en 2025. Esta sería unha oportunidade para establecer un sistema de transporte público intermunicipal que responda ás necesidades reais da poboación, como os desprazamentos a polígonos industriais, a universidade ou entre distintos barrios e municipios. Ademais, este proxecto podería beneficiarse de fondos europeos destinados a mobilidade.

Outro punto de conflito é a liña supramunicipal que conecta Lorbé co Burgo e que dá servizo a tres concellos (Oleiros, Cambre e Culleredo). Segundo o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, este é un servizo de uso maioritario para veciños de Cambre e Culleredo, polo que Oleiros non seguirá asumindo o seu mantemento, que custa 80.000 euros ao ano. En lugar diso, o Concello destinará estes fondos a mellorar as liñas internas que beneficiarán directamente aos veciños de Oleiros.

O Concello denuncia que as escasas frecuencias e os continuos retrasos fan que o servizo estea máis saturado ca nunca, atribuíndo a responsabilidade á Xunta, que ten a competencia de xestión do transporte en municipios de menos de 50.000 habitantes. A Consellería de Presidencia é acusada de ignorar as necesidades de milleiros de cidadáns que a diario sofren un servizo de transporte insuficiente e pouco eficaz.

0.15568780899048