Oleiros promoverá en Dexo un obradoiro para aprender a construír e utilizar cociñas solares

ACoruñaXa
A actividade, prevista para o 1 de agosto, ensinará a aproveitar a enerxía do sol para cociñar mediante materiais reutilizados
OLEIROS cociñas solares
29 Jul 2026

A pista polideportiva de Dexo acollerá o vindeiro sábado 1 de agosto un obradoiro práctico de construción e uso de cociñas solares, unha iniciativa que busca achegar á cidadanía alternativas sostibles para o aproveitamento da enerxía solar no día a día.

Durante a xornada, as persoas participantes aprenderán a fabricar a súa propia cociña solar empregando materiais reutilizados e descubrirán como utilizala para preparar alimentos unicamente coa enerxía do sol, sen necesidade de combustibles nin electricidade.

O obradoiro terá un carácter eminentemente práctico e pretende fomentar hábitos de consumo máis respectuosos co medio ambiente, mostrando as posibilidades que ofrece a enerxía solar como recurso limpo, gratuíto e renovable. Ademais do proceso de construción, os asistentes poderán comprobar o funcionamento deste tipo de cociñas e coñecer as súas aplicacións na cociña doméstica.

A actividade desenvolverase entre as 10.30 e as 17.30 horas e contará cun máximo de 20 prazas. As persoas interesadas poden solicitar máis información e formalizar a súa inscrición a través do teléfono 677 463 493.

0.12196111679077