Oleiros pide ampliar o horario da oficina de Correos de Santa Cruz ante as queixas da veciñanza

O Concello de Oleiros trasladou a Correos a súa demanda de ampliar o horario de apertura da oficina de Santa Cruz, situada na rúa do Repicho, despois de recibir queixas reiteradas de numerosos veciños e veciñas pola limitada franxa de atención ao público.
Segundo explica a administración local, o servizo actual, de luns a venres entre as 9.00 e as 11.00 horas, resulta insuficiente para atender a demanda existente e dificulta trámites habituais como a recollida de paquetes, certificados e outra documentación.
O Concello sostén que a redución do tempo de atención está a provocar molestias e atrasos nas xestións cotiás da cidadanía, polo que reclamará un incremento do horario para facilitar o acceso aos servizos postais e mellorar a atención en Santa Cruz.