Oleiros organiza unha ruta pola Costa da Morte norte: de Caión ao porto de Razo
O vindeiro sábado 11 de maio o Concello de Oleiros organiza unha nova edición do programa 'Andares por Galicia, a Cultura da Natureza', coa Ruta pola Costa da Morte norte: de Caión ao Porto de Razo.
Os participantes visitarán puntos como Caión, praia dos Salseiros, ZEC Costa da Morte, Leira, Pedra do Sal, areal e lagoa de Baldaio, Razo, praia fósil de Razo e o porto de Razo para rematar cunha visita cultural aos murais de Carballo (“Derrubando muros”).
O programa céntrase en descubrir as características máis importantes a nivel natural, social e cultural da nosa terra e xerar conciencia de coidado e protección do patrimonio natural e cultural. Así mesmo trata de promover a convivencia e a socialización do grupo de participantes nun ambiente aberto e favorecer hábitos saudables de ocio no medio natural.
A saída do 11 de maio contará con 3 guías especializados/as e ofértanse 40 prazas dirixidas a persoas maiores de idade, cun prezo de 23,00 euros.
As preinscricións realizaranse preferentemente na Sede electrónica/catálogo de trámites/cultura a partir do martes 30 de abril ás 10.00 horas. No caso de que algunha persoa non lle sexa posible realizala así, poderá facelo na Fábrica en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas. Ocuparanse as prazas por rigorosa orde de solicitude e terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Oleiros.
Para obter máis información sobre esta ruta e o conxunto do programa é posible dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Oleiros, situado no centro cultural A Fábrica, ben fisicamente ou a través do teléfono 981 636 598 ou do correo electrónico r.caparros@oleiros.org.