Oleiros organiza unha ruta de senderismo polos chozos do Suído

O vindeiro sábado 6 de abril o Concello de Oleiros dará comezo a unha nova edición do programa Andares por Galicia, a Cultura da Natureza coa Ruta polos chozos do Suído.
A Ruta polos chozos do Suído, situada na provincia de Pontevedra, comprende 16 km cunha dificultade media onde se poderán coñecer puntos como o miradoiro da Laxe, fervenza de Casariño, chozos de Casariños e da Laxe, miradoiro Xesteira de Airoa, área de recreo de Airoa e de Chan do Porto, a Pedra de Abalar, o río Valdehome ou o coto dos Ladróns e Pepa A Loba pra finalizar cunha visita cultural ao Centro arqueolóxico dos Petróglifos de Tourón.
Neste sentido, o programa 'Andares por Galicia' céntrase en descubrir as características máis importantes a nivel natural, social e cultural da nosa terra e xerar conciencia de coidado e protección do patrimonio natural e cultural. Así mesmo trata de promover a convivencia e a socialización do grupo de participantes nun ambiente aberto e favorecer hábitos saudables de ocio no medio natural.
Como novidade nesta edición incorpóranse 2 rutas familiares, dirixidas a familias, nas que poderán participar menores que como mínimo cumpran 6 anos no ano da actividade, acompañados/as de pai, a nai ou titor/a legal.
A saída do 6 de abril contará con 3 guías especializados e ofértanse 40 prazas dirixidas a persoas maiores de idade, cun prezo de 23,00 euros.
- As preinscricións realizaranse preferentemente na Sede electrónica/catálogo de trámites/cultura a partir do 26 de marzo ás 10.00 horas.
- No caso de que algunha persoa non lle sexa posible realizala así, poderá facelo na Fábrica en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas.
- Ocuparanse as prazas por rigorosa orde de solicitude e terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Oleiros.
Todo aquel que desexe obter máis información sobre esta ruta e o conxunto do programa pode dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Oleiros, situado no centro cultural A Fábrica, ben fisicamente ou a través do teléfono 981 636 598 ou do correo electrónico r.caparros@oleiros.org.