Oleiros organiza un obradoiro de autocoñecemento para o coidado da saúde feminina a partir dos 50 anos

ACoruñaXa
O taller, que terá lugar o 26 de novembro, ofrece ferramentas de benestar e desminte tabús sobre a etapa da menopausa
Saúde feminina
11 Nov 2024

Este luns 11 de novembro abre o prazo de inscrición para participar no obradoiro de autocoñecemento e coidado da saúde feminina a partir dos 50 anos, que forma parte do programa municipal "Coñecerse é Vivirse". O obxectivo do obradoiro é ofrecer ferramentas que promovan un estilo de vida máis positivo e saudable durante esta etapa vital.

Nesta actividade trataranse os aspectos médicos máis importantes para o coidado da saúde feminina na menopausa e post-menopausa, analizando os cambios físicos asociados a esta etapa e proporcionando recursos para abordalos de maneira saudable. Ademais, reflexionarase sobre os imaxinarios culturais e sociais que rodean os corpos das mulleres nesta fase, desmentindo mitos e tabús para fomentar unha mirada máis rica e autónoma sobre o propio benestar.

Este obradoiro está dirixido a mulleres de 50 anos ou máis, empadroadas en Oleiros, e celebrarase no Centro Municipal de Formación "Isaac Díaz Pardo" (Rúa Regos 24, Urbanización Os Regos) o martes 26 de novembro, en horario de 19:00 a 21:00 horas. As prazas son limitadas, polo que é preciso inscribirse previamente a través da web do Concello, no apartado “Participa”, dentro da categoría de "Actividades Sociais", desde o luns 11 ata o xoves 21 de novembro.

"Coñecerse é Vivirse" é un programa que organiza diversas actividades dirixidas a mulleres, co propósito de fomentar o autocoñecemento e o coidado do propio corpo. En edicións anteriores, o programa tratou temas como a menopausa, a sexualidade e o coidado do chan pelviano.

Aquelas persoas que estean interesadas en recibir máis información poden chamar ao 981 610 000 (extensión 3503) ou enviar un correo a igualdade@oleiros.org.

Coñecerse é vivirse__IMAXE POST
0.16788291931152