Oleiros mantén aberto ata o 22 de xuño o prazo para solicitar permisos para as fogueiras de San Xoán

O Concello de Oleiros mantén aberto ata o vindeiro 22 de xuño o prazo para solicitar autorización para realizar fogueiras de San Xoán, tanto nos areais como noutras localizacións do municipio.
Co obxectivo de reducir a contaminación das praias e mellorar a seguridade durante a celebración, o Concello volverá poñer leña gratuíta a disposición da veciñanza nos areais. A medida busca evitar a utilización de materiais inadecuados que poidan deixar residuos ou provocar danos ás persoas usuarias das praias.
A Policía Local e Protección Civil desenvolverán un operativo especial durante a noite de San Xoán para impedir a queima de elementos como palés, sofás ou calquera outro obxecto que poida conter cravos ou materiais perigosos. Tamén estará prohibida a introdución de botellas de cristal e doutros elementos con vidro nas zonas de celebración.
Desde o Concello lembran que a realización de fogueiras require autorización previa. As solicitudes poden tramitarse a través da sede electrónica municipal ou de forma presencial no Rexistro da Casa do Concello.
O goberno local insiste en que o cumprimento destas normas é fundamental para garantir unha celebración segura e minimizar o impacto ambiental nunha das festas máis multitudinarias do calendario.