Oleiros mantén aberto ata o 19 de xaneiro o prazo para participar no XII premio literario 'Descubrindo Oleiros'

O Concello de Oleiros abriu o prazo para presentar obras á XII edición do Premio literario 'Descubrindo Oleiros', unha convocatoria co obxectivo de fomentar a creación en lingua galega e afondar no coñecemento do municipio a través da narrativa. O período de entrega de relatos remata o luns 19 de xaneiro de 2026.
Segundo as bases, poden concorrer rapazas e rapaces de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria e de ESO, mozas e mozos de 16 e 17 anos e persoas maiores de 18 anos, sempre que estean empadroadas/os ou escolarizadas/os en Oleiros. O concurso establece seis categorías: alumnado de 3º-4º de Primaria; 5º-6º de Primaria; 1º-2º de ESO; 3º-4º de ESO; mocidade de 16 e 17 anos; e persoas adultas.
As obras deberán estar ambientadas necesariamente en Oleiros, redactadas en galego e ser inéditas. Ademais, non poderán ter sido premiadas noutros certames nin estar pendentes de fallo noutros concursos.
No relativo á entrega, os traballos das categorías 1 a 5 poderán presentarse nos propios centros educativos (que os trasladarán ao Servizo de Normalización Lingüística ao remate do prazo) ou no rexistro de entrada do edificio A Fábrica, na rúa do Inglés número 13, en Perillo. No caso da categoría 6, correspondente a persoas adultas, a presentación deberá facerse en todo caso nese rexistro.
O Concello anima á participación para 'coñecer un pouco máis' o Oleiros singular e lembra que as bases poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.