Oleiros lidera unha acción conxunta para levar á Xunta aos tribunais polo financiamento da Dependencia e do SAF

A proposta de presentar unha denuncia conxunta de concellos da provincia contra a Xunta polo financiamento da Dependencia e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) chegará ao Pleno da Deputación da Coruña a través dunha moción de Alternativa dos Veciños, liderada polo Concello de Oleiros e impulsada polo seu alcalde, Ángel García Seoane, na súa condición de voceiro provincial da formación.
No texto, Alternativa sostén que os concellos están a asumir con fondos municipais unha parte do custo dun servizo ligado a competencias autonómicas en políticas sociais. Asegura que a achega por hora que transfire a Xunta non cobre o gasto real que soportan os municipios, tanto cando contratan empresas prestadoras como cando o servizo se realiza con persoal propio.
A moción tamén cuestiona o acordo entre a Fegamp e a Xunta, ao entender que consolida unha situación de infrafinanciamento. En concreto, apunta que o convenio fixa para 2028 unha achega autonómica de 18 euros por hora, mentres que o custo do SAF xa estaría en 24 euros por hora e podería incrementar nos próximos anos.
Entre os acordos que se propoñen ao Pleno provincial figuran instar á Xunta a financiar de xeito inmediato o 100 por 100 do custo real do SAF e crear na Deputación unha oficina de asesoramento técnico-xurídico que coordine aos concellos interesados, recolla datos de infrafinanciamento e dea solidez á demanda. Alternativa solicita ademais que a Deputación asuma a asistencia xurídica e os gastos derivados da tramitación da denuncia conxunta e que o acordo se notifique aos concellos da provincia, á Xunta e á Fegamp.