Oleiros lembrará a figura do arquitecto José Caridad Mateo no Día da Galiza Mártir

ACoruñaXa
O acto, organizado polo BNG de Oleiros e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, terá lugar este domingo na Praza da Liberdade de Nós
Jose Caridad Mateo
21 Aug 2026

A Praza da Liberdade de Nós acollerá este domingo, 23 de agosto, o acto conmemorativo do Día da Galiza Mártir, organizado polo BNG de Oleiros e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

A cita comezará ás 12.30 horas e nesta edición estará dedicada á figura do arquitecto José Caridad Mateo, nacido en Betanzos en 1906 e falecido en México en 1996. Militante do Partido Galeguista, Caridad Mateo fuxiu a Francia tras o golpe de Estado e posteriormente exiliouse en México.

A súa traxectoria tamén está vinculada a Oleiros a través da arquitectura. Foi o autor da Casa Caramés, situada na avenida das Mariñas, en Perillo, unha construción que actualmente conta con protección municipal. Tamén foi coautor da Casa Cervigón, situada na rúa do Polvorín, igualmente en Perillo.

A homenaxe lembrará tamén a súa vinculación familiar coa represión franquista. O seu pai, o xeneral e gobernador militar Rogelio Caridad Pita, foi fusilado polos golpistas en Ferrol en novembro de 1936.

Trinta anos da placa conmemorativa

A celebración deste ano coincide ademais co trixésimo aniversario da instalación dunha placa conmemorativa do Día da Galiza Mártir neste espazo de Nós.

A placa foi colocada hai tres décadas, cando Esther Pita era alcaldesa de Oleiros e Francisco Peña presidía a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

Durante o acto deste domingo intervirán a escritora Laura Rei, Iria Taibo, deputada do BNG no Parlamento Galego, e Sol Agra, deputada de Igualdade da Deputación da Coruña.

A parte musical correrá a cargo de Miro Casabella, que acompañará unha xornada dedicada á memoria e ao recoñecemento de figuras vinculadas á defensa da cultura e da identidade galegas.

0.14733600616455