Oleiros lanza un obradoiro para o empoderamento persoal e colectivo das mulleres
O Concello de Oleiros vén de anunciar o regreso do 'Obradoiro do Corpo', unha iniciativa especialmente deseñada para o empoderamento persoal e colectivo das mulleres. A actividade, que comezará o mércores 11 de setembro, ten como obxectivo promover hábitos de vida saudábeis e fomentar a creación dunha rede de apoio mutuo entre as participantes.
Dirixido a mulleres menores de 60 anos, o 'Obradoiro do Corpo' realizarase todos os mércores ata o 18 de decembro, e busca fortalecer as relacións comunitarias mentres se traballa no benestar físico e emocional das asistentes.
As interesadas poden inscribirse do 2 ao 8 de setembro a través da páxina web do Concello, no apartado Participa! dentro da categoría Actividades sociais. Ademais, está dispoñible máis información no número de teléfono 981 60 00 00 ou no correo electrónico igualdade@oleiros.org.