Oleiros impulsou a inserción laboral de 4.500 persoas en 2023
Case 4.500 persoas pasaron durante o ano 2023 polo Centro de Formación e Emprego do Concello de Oleiros, unha plataforma municipal para impulsar a economía e cooperar no emprego da cidadanía, tanto procurando traballo por conta allea como impulsando a emprendeduría.
Un dato particularmente importante, ofrecido polo Concello de Oleiros, son os 575 postos de traballo que foron demandados por empresas e persoas autónomas para cubrir durante 2023, postos para os que o centro municipal enviou un total de 1.264 currículos para satisfacer esas vacantes, dos que a maioría eran mulleres e o 72% paradas que non cobraban prestación ou subsidio de desemprego; máis da metade eran maiores de 45 anos.
Nos programas directos de emprego municipal traballaron 130 persoas por diversos períodos, que van desde 2 a 9 meses, segundo a natureza dos traballos a realizar. Durante 2023 remataron varios cursos de formación para o emprego nos que participaron 180 alumnas ou alumnos, sobre instalacións solares, cociña, atención a dependentes, instalación de mobles, atención a domicilio, competencias en idioma galego, financiamento de empresas, socorrismo acuático e auxiliares de monte, cursos de distintos tamaños, entre as 283 horas e as 828.
Ademais, un Obradoiro dual de emprego xerou 20 postos de traballo nos ámbitos de carpintería, viveiros e xardinería. Este ano está en marcha outro no Pazo de Lóngora que abrangue as mesmas especialidades laborais para outras 20 persoas.
Do éxito deste sistema que conta con recursos de formación, asesoramento e traballo directo combinado coa aprendizaxe dalgún oficio falan ás claras os seus números desde hai 24 anos: 29 empresas de media creadas coa axuda do CMF, 128 proxectos de emprendemento como media anual
Durante o pasado ano, o centro moveu accións que superan o 1,1 millón de euros, entre aportacións de Xunta, Deputación e entidades como a Fundación Juana de Vega. A estrutura fixa municipal consta de 11 persoas: un director, 3 orientadoras profesionais, un axente de emprego e desenvolvemento local, unha técnica de inserción laboral, unha operaria de mantemento do viveiro e 2 auxiliares administrativas, un conserxe e unha persoa encargada da limpeza. Cadro humano que financia o Concello, así como as instalacións con centro neurálxico na Urbanización dos Regos.