Oleiros gaña nos xulgados fronte a un lobby israelí que pretendía censurar os paneis informativos municipais

O Concello de Oleiros obtivo unha sentenza favorable fronte á denuncia presentada por un lobby israelí contra unha campaña informativa difundida nos paneis luminosos municipais no ano 2024. O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña desestimou o recurso interposto pola Asociación Acción y Comunicación Sobre Oriente Medio, avalando a actuación do goberno local.
A entidade denunciante pretendía censurar a difusión dunha imaxe na que aparecían Benjamin Netanyahu e Adolf Hitler baixo o lema 'MESMAS BESTAS ASASINAS', empregada polo Concello como forma de crítica política ao que cualifica como xenocidio do Goberno de Israel contra o pobo palestino.
Na súa resolución, o xulgado considera que a campaña municipal está amparada pola Constitución Española, especialmente polo dereito fundamental á liberdade de expresión e á crítica política. Ademais, a sentenza impón á asociación denunciante o pagamento íntegro das costas xudiciais.
Desde o goberno municipal lembran que, malia este tipo de accións xudiciais e outras presións sufridas ao longo dos anos, Oleiros mantén unha postura activa e continuada en defensa dos dereitos do pobo palestino. Neste senso, o Concello leva décadas promovendo campañas informativas, accións reivindicativas, programas de cooperación, declaracións institucionais, actos oficiais e mobilizacións públicas.
O Concello de Oleiros reafirma así, segundo sinala, o seu compromiso coa paz, cos dereitos humanos e coa liberdade de expresión, nun contexto internacional que cualifica de especialmente grave pola situación en Palestina.