Oleiros esixe que a Xunta asuma os custos de restauración dos parques danados polos xabarís

ACoruñaXa
O alcalde de Oleiros insta á Xunta a asumir os custos dos danos causados polos xabarís nos espazos públicos, ante a falta de control efectivo da súa poboación
Pegadas dos xabarís en Oleiros
18 sep 2024

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, insistiu este mrtes en que a Xunta de Galicia deberá facerse cargo dos custos de reparación dos parques públicos afectados polos xabarís, se non é quen de controlar a poboación crecente destes animais. Nos últimos tempos, os xabarís causaron danos importantes en varios espazos verdes do concello, especialmente no céspede de numerosos parques municipais.

A situación complícase debido a que a Xunta non permite a realización de batidas en zonas urbanas e carece de medidas eficaces para xestionar o aumento descontrolado desta especie. Ademais dos danos nos espazos públicos, a presenza dos xabarís tamén xera preocupación entre os veciños, que non sempre saben como reaccionar ante a aparición destes animais salvaxes en áreas residenciais.

O único mecanismo posto en marcha pola administración autonómica consiste na instalación de gaiolas en puntos estratéxicos para capturar os xabarís. Porén, segundo García Seoane, este método non está a dar resultados notables, xa que non se ten comunicado ningún éxito significativo desde a súa implementación.

A principal motivación dos xabarís é a busca de alimento, e os parques, co seu céspede brando, son o lugar ideal para atopar vermes e outras fontes de sustento, o que agrava o problema. Dado que a Xunta de Galicia é a responsable da xestión da fauna salvaxe, o alcalde esixe que asuma a responsabilidade tamén de reparar os danos causados por estes animais nos espazos públicos.

0.083071947097778